Síguenos en:

Facebook-Logo

twitter-logo

Archivo


Novas
Taller de Mindfulness e Taller de Mediadores Sociais en Tomiño

Inicio de talleres innovadores no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián e no CEIP Sobrada de Tomiño impartido polo persoal laboral de Érguete Baixo Miño


O mércores, 2 de maio, e venres, 4 de maio, a Educadora Social da Asociación, levará a cabo dous talleres de prevención e promoción da saúde co alumnado ao longo de cinco sesións en cada centro, e que se desenvolverá a través do mes de maio.


Por unha banda, cos rapaces e rapazas de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, desenvolverase o taller de “Mindfulness”, un dos talleres que levamos impartido a máis de 250 alumnos e alumnas de entre 6-10 anos de toda a Comarca do Baixo Miño. Consiste nunha disciplina relacionada co benestar integral, complemento clave para a aprendizaxe social e emocional o cal xera melloras, entre outros, na memoria, na concentración, na resposta inmunolóxica e no auto-control.
 

Non obstante, nesta ocasión, as sesións vanse levar a cabo dende unha perspectiva diferente, traballando á vez, técnicas de “Mindfulness” e Ioga. Con este novo enfoque, búscase reducir situacións de conflitividade, gañar unha mellor regulación das emocións, aumentar a empatía e a compaixón ou minorar os niveis de estrés. Este taller, atópase dentro do programa Empodérate, financiado pola subvención a cargo do IRPF 2017 (execución 2018) ademais da axuda das cotas dos socios.
 

Pola outra banda, a Educadora Social de Érguete Baixo Miño traballará con rapaces e rapazas de 5º de primaria do CEIP Sobrada en Tomiño co taller de “Mediadores Sociais” subvencionado pola Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socios e socias que forma parte da Asociación.
 

Estamos a falar dun taller que está enfocado para adultos pero que nesta ocasión levarase á cabo con rapaces e rapazas de 11 anos, con contido adaptado e na procura de formar ao alumnado con modelos de actitudes e comportamentos clave dentro da estratexia de prevención de condutas violentas e axuda de resolución de conflitos dentro do mesmo colexio.
As accións, levadas a cabo polo persoal laboral da Asociación, sempre levan intrínseco un enfoque de educación e promoción da saúde como referente de cara á prevención de condutas aditivas e nocivas para as persoas.

 

 
XXXVI Asemblea Xeral Ordinaria da UNAD en Madrid

 

Os próximos días 12 e 13 de abril, estaremos presente na XXXVI Asemblea Xeral Ordinaria da UNAD (La Unión de Asociaciones y Entidades de Atención al Drogodependiente) en  Madrid, como socios e compoñentes da vogalía de UNAD en Galicia dentro da Rede de Atención ás adicións.

Na orde do día estarán presentes temas xerais como a rendición de contas e toma de decisións así como puntos máis concretos como por exemplo o tema dos novos perfís en adicións, onde se traballará e debaterá sobre as maneiras de afrontar os novos escenarios en adicións á vez que se afondará nas estratexias de traballo conxuntas para reivindicar as políticas de adicións.

Dentro da orde do día, tamén se falará da Estratexia Nacional de Adicións 2017-2024 a cargo de D. Francisco de Asís Babín, Delegado do Goberno para o PNSD (Plan Nacional Sobre Drogas).

O presidente de Érguete Baixo Miño, Victoriano Rodríguez González, xunto con Natalia González González –Técnico de Prevención en Condutas Aditivas e vogal da UNAD–, ademais de asistir a Asemblea Xeral da UNAD en Madrid, participarán en diferentes coloquios e mesas de experiencia onde se permitirá intercambiar iniciativas valiosas en este sector, así como presentar ideas e propostas de traballo moi positivas en todos os aspectos.

Este tipo de actividades a nivel nacional son moi favorables de cara a valorar diferentes puntos de vista así como diferentes maneiras de traballo.

Formar parte da vogalía da UNAD en Galicia demostra as ganas que se teñen de seguir apoiando e facendo por mellorar e evitar a situación das drogodependencias na nosa Comunidade.

 
Fin dos Talleres realizados no IES de Tomiño en Curso 2017/18

 

Rematamos os programas de “Intervención Socioeducativa na Aula” e “Perséfone Saúde” no IES Antón Alonso Ríos

 

foto alumnos IES Tomiño

 

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que hoxe luns, 9 de abril, damos por rematado os programas de Intervención Socioeducativa na Aula e Perséfone Saúde no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño despois de mes e medio de traballo co alumnado e impartido polas Técnicas de Prevención en Condutas Aditivas da nosa entidade.

Logo de 28 sesións de intervención directa con rapaces e rapazas de entre 14 e 16 anos realizando talleres para traballar as habilidades sociais e a resolución de conflitos, así como ocuparse das diferenzas de xénero, pódese considerar que os obxectivos establecidos previamente, foron superados con creces así como a boa acollida que sempre teñen este tipo de talleres e actividades.

Dentro dos obxectivos definidos inicialmente no programa Perséfone Saúde levado a cabo en 1º e 2º FPB, buscouse mellorar as relacións interpersoais e afectivas dos rapaces e rapazas así como facilitar o autocoñecemento persoal nunhas idades con gran influencia nas relacións sociais. Tamén se traballou para identificar os recursos propios e as capacidades para tomar decisións saudables durante o seu crecemento e proxecto vital e promover actitudes de prevención de “dependencias sentimentais ou afectivas”.

Pola outra banda, no curso de 2º da ESO, e dentro do programa de Intervención Socioeducativa na Aula, traballouse nos obxectivos de mellorar as relacións interpersoais e o autocoñecemento do alumnado aumentando a autoestima e a valoración positiva dun mesmo, aprendendo a manexar as emocións que poden chegar a condicionar os nosos sentimentos e comportamentos. Potenciar valores como a colaboración e o respecto e practicar a empatía e a asertividade, son accións moi positivas nestas idades.

Como punto de conexión entre os dous talleres realizados, destacamos a creación de espazos que fomentan a súa propia personalidade con opinión e criterio e a conexión coa motivación pola súa saúde.

 
Programas Escolares 3º trimestre Curso 2017/18

Inicio dos programas  “Empodérate”  e “Intervención Socioeducativa na Aula”

no CEIP Mestre Manuel García e no CEIP de Sobrada respectivamente


 

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que este mércores, 4 de abril, pomos en marcha o programa Empodérate no CEIP Mestre Manuel García de Oia e o programa Intervención Socioeducativa na Aula no CEIP de Sobrada de Tomiño. Ámbolos dous programas levaranse a cabo ao longo do mes de abril, continuando coa labor desta Asociación na realización de talleres de prevención e promoción da saúde no Baixo Miño, estando dirixidos a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 6 e os 11 anos, impartidos polas técnicas de prevención.

 

Por unha banda, o programa Empodérate contempla actividades relacionadas co Mindfulness (atención plena), onde se busca mellorar a concentración e a memoria, aprender a regular as emocións, aumentar a empatía e a compaixón, así como tamén minorar os niveis de estrés, ansiedade ou medo. Atópase financiado pola subvención a cargo do IRPF 2017 (execución 2018) ademais da axuda das cotas dos socios. Este taller levarase a cabo polas técnicas de prevención nos cursos de 1º ata 4º de Primaria no CEIP Mestre Manuel García -concello de Oia-, con 4 sesións en cada grupo, realizando un total de 16 h. de intervención directa.

 

Pola outra banda, tamén estaremos presentes no CEIP de Sobrada -concello de Tomiño- durante 4 sesións, con alumnos e alumnas de 5º de Primaria, cumprindo un total de 6 h. e media de intervención directa e pondo en práctica o programa de Intervención Socioeducativa na Aula, traballando as habilidades sociais, a autoestima, xestión de emocións así como a resolución de conflitos. Ao igual que no anterior programa o taller impartirano as técnicas de prevención da entidade. Este programa atópase financiado pola subvención da Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas, e polos fondos propios da Asociación provenientes das cotas dos socios e outros donativos.
 

 
Modificación Xunta Directiva

Modificacións tras a Asemblea Xeral Ordinaria de socios

da Asociación Érguete Baixo Miño


A Asociación Érguete Baixo Miño informa que, tras a Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o pasado 9 de marzo, e coa votación da maioría prevista nos estatutos, procédese a modificar a composición da Xunta Directiva quedando constituída da seguinte maneira.

  • Presidente: D. Victoriano Rodríguez González
  • Secretario: D. Emilio Ernesto Pacheco Cardoso
  • Tesoureira: Dª. Mª José González Lomba
  • Vogal: D. Jose Antonio Uris Guisantes
  • Vogal: Dª. Mª Mercedes Baz Lomba
  • Vogal: D. Aurelio Pereira Gándara
  • Vogal: D. Manuel Barbosa Gómez
  • Vogal: Dª. Pilar Álvarez Rodríguez
  • Vogal: D. Félix Piñeiro Martínez

Aproveitamos para agradecer con moito cariño a Mª Mercedes Baz Lomba (Chiruca) por exercer como Presidenta durante os últimos 7 anos así como pola súa implicación coa Asociación desde os seus inicios.


E dámoslle a benvida por unha banda, a D. Victoriano Rodríguez González, socio dende os inicios da Asociación e vogal da anterior Xunta Directiva, agora como novo presidente  da Asociación Érguete Baixo Miño. Pola outra banda, recibimos un novo compoñente D. Félix Piñeyro Martínez quen ven a formar parte da Xunta Directiva como Vogal.


Érguete Baixo Miño segue con moitas forzas para seguir dando apoio contra as condutas aditivas e pola prevención e educación da saúde na nosa Comunidade.

Presindente Victoriano Rodríguez González

 
Actividades realizadas en 2017-2018 dentro da Extratexia de Inclusión Social de Galicia

Remate do curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos

   

 


A Asociación Érguete Baixo Miño informa que este mércores, 28 de marzo, dáse por rematado o curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos, o cal se veu impartindo ao longo dos meses de febreiro e marzo, durante 180 horas.


A clausura do curso coincide coa última das actuacións que a Asociación leva a cabo a través da subvención a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social da convocatoria 2017-2018 e que Érguete Baixo Miño ven realizando desde hai anos, dándolle moito valor e importancia as accións destinadas cara á busca e emprego.


Trátase dun proxecto que está financiado pola Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Inclusión Social e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9 “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”, cunha taxa de cofinanciamento do 80%.


Algunhas das actividades, dentro da devandita subvención, que se levaron a cabo durante o ano 2017 foron o Curso de Economía Familiar  nos Concellos de A Guarda, Tomiño e O Rosal . Todos eles cunha duración de 80 horas e con moi boa acollida por parte das/os 10 usuarias/os por Concello, onde se traballaron conceptos básicos sobre economía familiar e se transmitiron ideas sobre o aforro así como determinadas  habilidades e estratexias nos  ámbitos, da alimentación, do aforro enerxético ou na limpeza do fogar.


Outros dos cursos que se levaron a cabo nas instalacións da Asociación foi o Curso de Preparación para a ESO cun total de 300 horas e que tiña por obxectivo que os alumnos e alumnas se presenten á proba convocada para o mes de maio para acadar o Título da ESO e así ter máis e mellores opcións á hora de postularse a un posto de traballo.
 

 
« InicioAnterior12345678910SeguinteFinal »

Páxina 5 de 22