Inicio de talleres innovadores no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián e no CEIP Sobrada de Tomiño impartido polo persoal laboral de Érguete Baixo Miño
O mércores, 2 de maio, e venres, 4 de maio, a Educadora Social da Asociación, levará a cabo dous talleres de prevención e promoción da saúde co alumnado ao longo de cinco sesións en cada centro, e que se desenvolverá a través do mes de maio.
Por unha banda, cos rapaces e rapazas de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, desenvolverase o taller de “Mindfulness”, un dos talleres que levamos impartido a máis de 250 alumnos e alumnas de entre 6-10 anos de toda a Comarca do Baixo Miño. Consiste nunha disciplina relacionada co benestar integral, complemento clave para a aprendizaxe social e emocional o cal xera melloras, entre outros, na memoria, na concentración, na resposta inmunolóxica e no auto-control.
Non obstante, nesta ocasión, as sesións vanse levar a cabo dende unha perspectiva diferente, traballando á vez, técnicas de “Mindfulness” e Ioga. Con este novo enfoque, búscase reducir situacións de conflitividade, gañar unha mellor regulación das emocións, aumentar a empatía e a compaixón ou minorar os niveis de estrés. Este taller, atópase dentro do programa Empodérate, financiado pola subvención a cargo do IRPF 2017 (execución 2018) ademais da axuda das cotas dos socios.
Pola outra banda, a Educadora Social de Érguete Baixo Miño traballará con rapaces e rapazas de 5º de primaria do CEIP Sobrada en Tomiño co taller de “Mediadores Sociais” subvencionado pola Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socios e socias que forma parte da Asociación.
Estamos a falar dun taller que está enfocado para adultos pero que nesta ocasión levarase á cabo con rapaces e rapazas de 11 anos, con contido adaptado e na procura de formar ao alumnado con modelos de actitudes e comportamentos clave dentro da estratexia de prevención de condutas violentas e axuda de resolución de conflitos dentro do mesmo colexio.
As accións, levadas a cabo polo persoal laboral da Asociación, sempre levan intrínseco un enfoque de educación e promoción da saúde como referente de cara á prevención de condutas aditivas e nocivas para as persoas.
|