Síguenos en:

Facebook-Logo

twitter-logo

Archivo


Programas Escolares 3º trimestre Curso 2017/18

Inicio dos programas  “Empodérate”  e “Intervención Socioeducativa na Aula”

no CEIP Mestre Manuel García e no CEIP de Sobrada respectivamente


 

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que este mércores, 4 de abril, pomos en marcha o programa Empodérate no CEIP Mestre Manuel García de Oia e o programa Intervención Socioeducativa na Aula no CEIP de Sobrada de Tomiño. Ámbolos dous programas levaranse a cabo ao longo do mes de abril, continuando coa labor desta Asociación na realización de talleres de prevención e promoción da saúde no Baixo Miño, estando dirixidos a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 6 e os 11 anos, impartidos polas técnicas de prevención.

 

Por unha banda, o programa Empodérate contempla actividades relacionadas co Mindfulness (atención plena), onde se busca mellorar a concentración e a memoria, aprender a regular as emocións, aumentar a empatía e a compaixón, así como tamén minorar os niveis de estrés, ansiedade ou medo. Atópase financiado pola subvención a cargo do IRPF 2017 (execución 2018) ademais da axuda das cotas dos socios. Este taller levarase a cabo polas técnicas de prevención nos cursos de 1º ata 4º de Primaria no CEIP Mestre Manuel García -concello de Oia-, con 4 sesións en cada grupo, realizando un total de 16 h. de intervención directa.

 

Pola outra banda, tamén estaremos presentes no CEIP de Sobrada -concello de Tomiño- durante 4 sesións, con alumnos e alumnas de 5º de Primaria, cumprindo un total de 6 h. e media de intervención directa e pondo en práctica o programa de Intervención Socioeducativa na Aula, traballando as habilidades sociais, a autoestima, xestión de emocións así como a resolución de conflitos. Ao igual que no anterior programa o taller impartirano as técnicas de prevención da entidade. Este programa atópase financiado pola subvención da Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas, e polos fondos propios da Asociación provenientes das cotas dos socios e outros donativos.