Síguenos en:

Facebook-Logo

twitter-logo

Archivo


Novas
Modificación Xunta Directiva

Modificacións tras a Asemblea Xeral Ordinaria de socios

da Asociación Érguete Baixo Miño


A Asociación Érguete Baixo Miño informa que, tras a Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o pasado 9 de marzo, e coa votación da maioría prevista nos estatutos, procédese a modificar a composición da Xunta Directiva quedando constituída da seguinte maneira.

  • Presidente: D. Victoriano Rodríguez González
  • Secretario: D. Emilio Ernesto Pacheco Cardoso
  • Tesoureira: Dª. Mª José González Lomba
  • Vogal: D. Jose Antonio Uris Guisantes
  • Vogal: Dª. Mª Mercedes Baz Lomba
  • Vogal: D. Aurelio Pereira Gándara
  • Vogal: D. Manuel Barbosa Gómez
  • Vogal: Dª. Pilar Álvarez Rodríguez
  • Vogal: D. Félix Piñeiro Martínez

Aproveitamos para agradecer con moito cariño a Mª Mercedes Baz Lomba (Chiruca) por exercer como Presidenta durante os últimos 7 anos así como pola súa implicación coa Asociación desde os seus inicios.


E dámoslle a benvida por unha banda, a D. Victoriano Rodríguez González, socio dende os inicios da Asociación e vogal da anterior Xunta Directiva, agora como novo presidente  da Asociación Érguete Baixo Miño. Pola outra banda, recibimos un novo compoñente D. Félix Piñeyro Martínez quen ven a formar parte da Xunta Directiva como Vogal.


Érguete Baixo Miño segue con moitas forzas para seguir dando apoio contra as condutas aditivas e pola prevención e educación da saúde na nosa Comunidade.

Presindente Victoriano Rodríguez González

 
Actividades realizadas en 2017-2018 dentro da Extratexia de Inclusión Social de Galicia

Remate do curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos

   

 


A Asociación Érguete Baixo Miño informa que este mércores, 28 de marzo, dáse por rematado o curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos, o cal se veu impartindo ao longo dos meses de febreiro e marzo, durante 180 horas.


A clausura do curso coincide coa última das actuacións que a Asociación leva a cabo a través da subvención a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social da convocatoria 2017-2018 e que Érguete Baixo Miño ven realizando desde hai anos, dándolle moito valor e importancia as accións destinadas cara á busca e emprego.


Trátase dun proxecto que está financiado pola Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Inclusión Social e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9 “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”, cunha taxa de cofinanciamento do 80%.


Algunhas das actividades, dentro da devandita subvención, que se levaron a cabo durante o ano 2017 foron o Curso de Economía Familiar  nos Concellos de A Guarda, Tomiño e O Rosal . Todos eles cunha duración de 80 horas e con moi boa acollida por parte das/os 10 usuarias/os por Concello, onde se traballaron conceptos básicos sobre economía familiar e se transmitiron ideas sobre o aforro así como determinadas  habilidades e estratexias nos  ámbitos, da alimentación, do aforro enerxético ou na limpeza do fogar.


Outros dos cursos que se levaron a cabo nas instalacións da Asociación foi o Curso de Preparación para a ESO cun total de 300 horas e que tiña por obxectivo que os alumnos e alumnas se presenten á proba convocada para o mes de maio para acadar o Título da ESO e así ter máis e mellores opcións á hora de postularse a un posto de traballo.
 

 
Rede UNAD Galicia

Asemblea Territorial Extraordinaria UNAD Galicia 2018

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que o luns, 26 de marzo, terá lugar a Asemblea Territorial Extraordinaria da UNAD Galicia, en Santiago de Compostela.


A UNAD é a Rede Nacional de atención ás adicións a cal é na actualidade a maior ONG de Europa dedicada ás drogodependencias, ao agrupar a máis de 250 organizacións no gobernamentais sen ánimo de lucro de todas as comunidades autónomas menos Baleares.


A UNAD é a encargada de xestionar a subvención con cargo ao IRPF ás distintas entidades que traballan as condutas aditivas a nivel nacional,  que dentro da carteira de servizos de Érguete Baixo Miño, ven a financiar os programas Empodérate e Perséfone Saúde os cales lévanse a cabo nos diferentes colexios e institutos da comarca.


Un dos temas a tratar na orde do día será o da elección da vogalía autonómica, así como presentación e aprobación de comisión xestora formada neste caso por un representante das seguintes asociacións: Asfredo Ferrol, Aliad Lugo, Érguete Baixo Miño e Érguete Vigo.


Dentro das 17 entidades, membros da UNAD da Comunidade Autónoma de Galicia, a comisión xestora será a encargada de representar os intereses e inquietudes das mesmas ante a Xunta Directiva da UNAD en Madrid.


Este tipo de accións, onde se poñen moitos puntos en común e se debaten sobre as situacións actuais sobre as condutas aditivas, vense moi positivas á hora de trasladalo á nosa comunidade.

 
Asemblea Xeral Socios 2018

Convocatoria da Asemblea Xeral Ordinaria 2018 de socios da Asociación Érguete Baixo Miño

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que o venres 9 de marzo de 2018, terá lugar a Asemblea Xeral Ordinaria sendo ás 19.00 horas a primeira convocatoria e ás 19.30h a segunda convocatoria, no local social onde a Asociación ten as instalacións, rúa Colón, 20(Edif. O Percador, 1º piso) de A Guarda.

Como cada ano por estas datas, convócase aos socios e socias a participar na mesma, a cal contará coa seguinte orde do día:

ORDE DO DÍA:

1º Lectura e aprobación se procede da acta anterior.

2º Presentación do Estado de Contas.

3º Presentación da Memoria de Actividades 2017 e Programa para o 2018.

4º Renovación de Cargos da Xunta Directiva.

5º Rogos e preguntas.

Para calquera consulta pódense por en contacto coa Asociación por vía telefónica/fax 986 61 44 07, no local da Asociación (r/Colón, 20 –Edificio O Pescador 1º piso- A Guarda, Pontevedra), por correo electrónico ( Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ), no twitter @ErgueteBM ou en facebook.com/erguetebm.

 
Talleres IES AAR de Tomiño

Inicio dos programas de “Intervención socio educativa na aula” e “Perséfone saúde” no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño


A Guarda, 26/02/18.- A Asociación Érguete Baixo Miño informa que hoxe luns, 26 de febreiro, deron comezo os talleres de educación e promoción da saúde así como os de prevención das condutas aditivas no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño e que ao longo das próximas catro semanas, iranse realizando unha serie de talleres para informar e concienciar aos xoves expostos hoxe en día a numerosos factores.


Dentro da carteira de servizos que a Asociación ofrece de maneira altruísta ás numerosas escolas e institutos do Baixo Miño, atópase por unha banda, o programa de Intervención Socioeducativa na Aula.


Trátase dun programa financiado pola subvención da Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socios e socias que forma parte da Asociación.


En esta ocasión, estanse a traballar as habilidades sociais así como a resolución de conflitos, con alumnos e alumnas de 2º da ESO. A labor de Érguete Baixo Miño é que todos xuntos se convertan en equipo potenciando as súas relacións interpersoais e para que sexan capaces manexar axeitadamente situación conflitivas futuras.


Pola outra banda, o programa Perséfone Saúde, o cal vai dirixido a rapaces e rapazas de 1º e 2º de FPB (Formación profesional básica), atópase financiado pola subvención a cargo do IRPF 2017 (execución 2018) e a axuda dos socios e socias cos que conta Érguete Baixo Miño. Os talleres que se engloban dentro deste programa van destinados á mellora das relacións afectivas da xuventude así como a aportar información en canto as diferenzas de xénero.


A asociación está moi involucrada na axuda de prevención de enfermidades de transmisión sexual na sociedade, as cales están indo en aumento ano a ano e vese necesario reeducar nesta materia para conseguir unha saúde plena así como tamén frear condutas de anorexia e bulimia reforzando o autocoñecemento persoal e a autoestima positiva.
 

 
Curso Operaciones Auxiliares Servicios Administrativos 2018

Inicio do curso de operacións auxiliares de servizos administrativos

 

 

 

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que o pasado luns, 29 de xaneiro, deu comezo o curso de operacións auxiliares de servizos administrativos con moi boa acollida por parte dos usuarios e usuarias.

Ao longo de dous meses, acadarán uns coñecementos en informática así como en técnicas administrativas básicas que lles permitirán desempeñar tanto funcións dun posto de traballo, así como técnicas administrativas para o día a día.

O curso divídese en tres módulos, un sobre técnicas administrativas básicas de oficina, outro sobre operacións básicas de comunicación e un último módulo sobre reprodución e arquivo. Todos eles moi instrutivos e requiridos no mundo laboral.

Este curso atópase dentro do programa de incorporación social e laboral o cal a Asociación ven realizando desde hai anos e dándolle moita importancia as accións destinadas á busca dun emprego.

Trátase dun proxecto que está financiado pola Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Inclusión Social e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9 “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”, cunha taxa de cofinanciamento do 80%.

Nesta ocasión, e en estreita coordinación coa oficina de estratexia de Inclusión Social de Galicia do equipo comarcal de Baiona, as persoas demandantes de emprego que se atopen nunha situación de exclusión social, terán a oportunidade de recibir esta formación de maneira gratuíta.

Os obxectivos destes cursos é que as persoas en situación de desemprego de larga duración e con escasa cualificación profesional, abarquen outros ámbitos formativos e así poidan aspirar a novos postos de traballo.

Desde Érguete Baixo Miño facemos unha labor de prevención, información así como formación, tratando sempre de axudar as persoas e dar solucións a calquera problema.

 
« InicioAnterior12345678910SeguinteFinal »

Páxina 5 de 21