Aberto o prazo de inscrición para o Obradoiro de Mindfulness

 

alt

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que o vindeiro martes, 24 de xullo, ábrese o prazo de inscricións para o Obradoiro de Mindfulness (para un maior benestar e mellor calidade de vida) subvencionado pola Deputación de Pontevedra no programa Conectadas do Servizo de Igualdade e dentro das accións que a Asociación realiza de prevención e de promoción e educación para a saúde.

 

Trátase dun programa dirixido preferentemente ás mulleres, coa finalidade de mellorar a súa formación básica na Comunidade e favorecer deste xeito as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias. As prazas son limitadas e reservarase un 25% das mesmas para os homes.

 

O obradoiro dará comezo o mércores, 5 de setembro ata o 26 de decembro en horario de tarde de 18.00 a 20.00h cun prezo total de 6€.

 

Algúns dos obxectivos que persegue o Mindfulness son por exemplo o de coñecer técnicas de respiración, relaxación e meditación, aprender a conectar e a gozar do presente, a xestionar as emocións, así como a sensibilizar acerca da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

 

As inscricións pódense facer de maneira presencial nas instalacións de Érguete Baixo Miño r/Colón, nº20 (Edif. O Pescador 1º Piso) CP36780 A Guarda, chamando por teléfono ao 986 61 44 07 / 640 086 376 ou ben deixando os datos no email Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .

 

Érguete Baixo Miño emprega técnicas de igualdade de maneira transversal en todas as accións e programas que realiza, na procura de conseguir unha plena igualdade de condicións para mulleres e homes

 
Intervencións Programa Cambio de Sentido 2018

Érguete Baixo Miño pon en marcha o programa Cambio de Sentido, nas principais autoescolas da Comarca do Baixo Miño

alt

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que durante os meses de xullo e agosto, porase en marcha o programa Cambio de Sentido, sobre prevención do consumo de alcohol e outras drogas na condución de vehículos, de maneira gratuíta, nas principais autoescolas da Comarca.

 

Trátase dunha iniciativa dirixida aos mozos e mozas de idades comprendidas entre os 18-25 anos e que se atopan preparando para sacar o carné de conducir.

 

O taller desenvolverase polo persoal técnico cualificado, co que conta a Asociación, nas dúas autoescolas de A Guarda, autoescola Miño e autoescola Eli’s, así como tamén na autoescola Tomiño. Atópase financiado pola subvención da Consellería de Sanidade así como pola cota dos socios e socias.

 

Algúns do principais obxectivos do programa son, incrementar a percepción de “vulnerabilidade persoal” na xuventude, derivada da condución dun vehículo tras consumir alcohol ou outras drogas así como tamén promover actitudes e condutas máis seguras e responsables na condución.

 

E de maneira máis específica, reforzar a motivación para evitar o uso do vehículo cando se superen as taxas máximas de alcoholemia permitidas.

 

Segundo a DXT (Dirección Xeral de Tráfico) no balance de accidentes ocorridos nas vías españolas durante o ano 2017, as distraccións, a velocidade inadecuada, o cansazo e o sono, o alcohol e outras drogas son os principais factores que aparecen nos accidentes mortais ou graves.

 

Desde Érguete Baixo Miño invitamos a que calquera persoa que teña dúbidas sobre condutas aditivas, precise axuda ou información na materia, veña ás nosas instalacións en r/Colón, nº20 (Edif. O Pescador 1º Piso) A Guarda, que será atendida polo persoal laboral técnico cualificado en prevención de condutas aditivas de maneira gratuíta.

 
Xornada Empresarial 2018

II Xornada Empresarial dentro do taller Non te pares, Érguete!

Este vindeiro venres, 22 de xuño, levarase a cabo a II Xornada Empresarial de encontro coas empresas no Centro Cultural de A Guarda, de 16 a 21 horas.


Trátase dun acto onde os participantes terán contacto directo con empresas da zona do baixo Miño e arredores para así coñecer, de primeira man, información sobre en que se fixan nos candidatos e candidatas á hora de facer as entrevistas ou mesmo as características dos perfís que soen requirir.


A primeira parte da xornada, de 16 a 18.30 horas, será aberta ao público e terá lugar unha mesa redonda con rolda de preguntas con representantes como Aixa Carrera e Lorena Rial do departamento de Recursos Humanos de Nortempo en Porriño, Rosana Vila do departamento de Recursos Humanos do Grupo Copo así como tamén Victoriano Rodríguez, presidente de Érguete Baixo Miño.  


Unha vez rematado o merecido descanso, terá lugar a segunda parte da Xornada Empresarial, de 19 a 21 horas, dirixido exclusivamente aos participantes do taller Non te pares, Érguete e será nesta parte da Xornada onde terán que demostrar todo o aprendido durante o curso para realizar con éxito as entrevistas exprés que lles farán os representantes das empresas.


Esta actividade atópase dentro do taller Non te pares, Érguete, o cal se está a levar a cabo, durante o mes de xuño, polo persoal laboral cualificado da Asociación xunto cunha psicóloga experta na materia, e destinado a persoas en situación de desemprego.


Atópase financiado pola Deputación de Pontevedra, Cohesión Social e Xuventude así como pola cota dos socios e socias e en colaboración co Concello de A Guarda pola cesión das instalacións.


Animamos a todos aqueles interesados en atopar traballo que se acheguen ao Centro Cultural de A Guarda o vindeiro venres, de 16 a 18.30 horas, durante a sesión aberta ao público, e estar así ao día nos requisitos do mundo laboral.


En Érguete Baixo Miño apostamos pola formación e intervención profesional como medidas de incorporación social e laboral así como de prevención de hábitos e condutas nocivas para a saúde.

 

 
28 aniversario Érguete Baixo Miño

Aniversario de Érguete Baixo Miño


Este 8 de xuño, celébranse 28 anos da creación da Asociación, e con tal feito, reuniuse a maior parte dos membros da Xunta Directiva xunto co persoal laboral co fin de facer unha fotografía conmemorativa á vez que contar experiencias acadadas en todos estes anos de traballo e iniciativas.


A Asociación Érguete Baixo Miño fundouse a principios dos anos 90 na Vila da Guarda pola boa vontade dun grupo de veciños afíns a unha mesma causa, axudar aos afectados e ás familias con problemas relacionados coas drogas de maneira directa ou indirectamente.


Érguete Baixo Miño, denominada nos seus inicios como Asociación de Familiares e Amigos de Drogodependentes, é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa na Comarca do Baixo Miño – Pontevedra (Galicia) –, concretamente nos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Oia.


Presidiron esta Asociación Jose Antonio Uris Guisantes , máis coñecido como Uris, quen estivo ao fronte da Xunta Directiva por máis de 20 anos, ademais precedéronlle outros presidentes como Antonio González Álvarez, pasando por María Mercedes Baz Lomba e finalmente chegando a Victoriano Rodríguez González, actual presidente de Érguete Baixo Miño.


Uris tivo e segue a ter un peso importante  tanto nos seus inicios na creación da Asociación, así como na actualidade como referente para moitas familias con problemas de adicións.


Hoxe en día cóntase con 3 persoas cualificadas en plantilla encargadas de realizar os múltiples talleres e actividades que a Asociación ofrece de maneira gratuíta, e sempre na procura dos mesmos obxectivos, traballar na prevención das condutas aditivas, educando e promocionando a saúde con hábitos favorables para o día a día das persoas así como mellorando a inserción de persoas en risco de exclusión socio-laboral.


Animamos as persoas e os colectivos que o precisen a achegarse as nosas instalacións para resolver dúbidas sobre calquera adición, para axudalas en xestións burocráticas así como derivándoas e acompañándoas no seu proceso de recuperación de benestar persoal, reinserción social e entorno familiar.

 
« InicioAnterior12SeguinteFinal »

Páxina 1 de 2